mércores, 7 de xaneiro de 2015

Circe

Foron moitas as heroínas mitolóxicas. Entre estas cabe destacar as tres magas modelo das Artes Máxicas e Teúrxicas: Circe, Pasífae e Medea. De feito, Circe e Pasífae eran irmáns e Medea sobriña delas. Circe ten o papel protagonista na Odisea, cando retén a Ulises na súa illa. Este episodio é revisitado nalgunha serie, coma nos Simpson, e tamén en libros como o de Beegoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul, do que xa se falou. 

Dinos a mitoloxía que Circe viviu na illa de Ea, e que servíndose de filtros e pócimas transformaba en animais a todos aqueles que ousaban entrar nos seus dominios. Na súa viaxe de regreso a Ítaca, Ulises para na illa da feiticeira e sálvase de ser convertido en porco, como lle pasara a moitos dos seus compañeiros. Ovidio relátao así na súas Metamorfoses

Ela está sentada nun fermoso lugar apartado nun trono solemne e, revestida dun resplandecente manto, cóbrese por enriba cun veo de ouro. Xuntamente as Nereidas e as Ninfas, que non tiran de vélaro ningún movendo os dedos nin sacan febras que os sigan, clasifican plantas e distribúen sen orde ningunha flores esparexidas nos cestos e herbas que se distinguen polas súas cores. Ela en persoa supervisa o traballo que estas realizan, ela coñece cal é a utilidade ou en que folla está, cal é a mellor combinación para as mesturas e examina, mirándoas con atención, as herbas que foron clasificadas. Cando ela nos viu, tras ter dito e recibido os saúdos, relaxou o seu rostro e correspondeu con augurios aos bos desexos; e, sen tardanza, ordea mesturar cebada de tostado gran, mel, a forza do viño puro con leite ao que se lle engadiu o callo, e engade xugos que se ocultan disimuladamente baixo este doce sabor. Recibimos as copas que nos dá coa súa destra sagrada. Tan pronto como sedentos con boca seca as apuramos e a cruel deusa tocou coa súa vara a punta dos nosos cabelos (dáme vergoña e vouno contar), empecei a encresparme con sedas e a non poder falar xa, a emitir en lugar de palabras un rouco murmurio e a inclinar cara a terra todo o meu rostro e sentín que a miña boca se endurecía nun curvado fociño, que o colo se inchaba con músculos, e coa parte coa que había pouco eu collera a copa dei pasos; e xunto cos que soportaran as mesmas cousas (tanto poder teñen as apócemas) son encerrado nun cortello e vimos que só Euríloco (Ulises) estaba libre da forma de porco: só el rexeitou a copa que se lle ofrecera; se el non a tivese evitado, aínda agora permanecería eu como unha parte do gando provisto de sedas e non tería chegado ante Circe como vingador Ulises, sabedor por el de tamaña desgracia. (Ovidio, Metamorfose, Libro XIV, canto 261-292).
La maga Circe
Circe retén a Ulises á súa beira durante un ano, pero despois deixao partir, proporcionándolle os medios para vencer aos monstruos Escila e Caribdis. Grazas ao coñecemento dos secretos ocultos que lle revela a Circe, o heroe sorteará moitos dos perigos que lle esperan, aprendendo entre outras cousas a aproveitar a forza dos seus inimigos para proseguir o seu camiño de retorno a Ítaca. A maga pronuncia sortilexios e invocacións, aplica pomadas para facer transformacións, para facer mudar de estado, para atrapar ou liberar. 

Dende o punto de vista do ser humano que desexa coñecerse, ou sexa ser un co ser universal, a maxia é a arte que fai consciente estes vínculos e relacións secretas de todos os mundos ou planos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario