xoves, 16 de outubro de 2014

O galego-portugués

O galego–portugués tivo o seu máximo período de esplendor durante a Idade Media e as recompilacións máis importantes que se conservan hoxe son o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana ou o Colocci-Brancutti.

O Reino de Galiza chegaba á parte máis occidental do que hoxe é Asturias e León e polo sur, máis alá do río Douro. En todo este territorio desenvolvéronse unha serie de evolucións que configuraron o galego-portugués. Do antigo Reino de Galiza xurdiron tres territorios: Galiza ó norte do Miño, Portugal entre o Miño e o Douro e Asturias na área occidental asturleonesa.

Portugal consegue independizarse no 1143 e continua o seu proceso de Reconquista cara o sur. Galiza en cambio quedará para sempre relegada á monarquía; primeiro do reino de León, máis tarde do de Castela e finalmente de España. No remate da Idade Media Galiza, baixo a coroa castelá, entra nun proceso de marxinación e queda relegada aos ámbitos non formais e de oralidade. O portugués en cambio, desenvolvese como lingua normalizada. Co paso do tempo, galego e portugués teñen cadanseus cambios lingüísticos.

O portugués alcanza a posición de lingua oficial de Portugal en 1279 e a partir dese momento, esténdese por todos os continentes a canda a Reconquista. O galego, en cambio, sufre unha etapa de marxinación, os chamados “Séculos Escuros” (XVI, XVII, XVIII) en que apenas tivo cultivo escrito. A súa recuperación comeza no século XIX, de man do movemento denominado Rexurdimento. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario